HP integra tapa na webcam dos novos Elitebook

mércores, 7 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

HP está a renovar a súa gama de portátiles HP Elitebook serie 800, concretamente os modelos 830, 840 e 850, que non se limitan a incorporar os últimos procesadores Intel Core de 8ª xeración, senón que inclúen tamén micrófonos a ambos lados do equipo (para poder recoller a voz de varios participantes nunha conversa ou para cancelar ruído no caso de operar en modo individual) e tamén unha pequena fiestra para a webcam, de xeito que os usuarios máis desconfiados poden tapar fisicamente a cámara o equipo se temen ser espiados.
Estes equipos tamén inclúen a aplicación PhoneWise, que permite recibir notificacións de teléfonos Android e iOS no ordenador; así como o software Sure Click que protexe aos equipos ante o malware illando os contidos da web do equipo informático.
Os HP Elitebook 830, 840 e 850 chegarían con pantallas de 13, 14 e 15 polgadas respectivamente, con distintas resolucións (até Full HD o 830 e até 4K os restantes) e opción táctil, aínda que neste último caso non podería contarse coa fiestra de protección da webcam por falta de espazo. Estes portátiles sairán á venda este mesmo mes a un prezo que nos EE.UU. parte dos 1.029 dólares.

PUBLICIDADE