HP presenta un ordenador para a empresa que pode equiparse cunha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1080

mércores, 8 de marzo do 2017 Marcus Fernández

HP anunciou estes días que o seu ordenador de sobremesa EliteDesk 800 G3 Tower PC non só vai ser un potente equipo para a empresa, senón que tamén poderá equiparse cun procesador Intel Core de sétima xeración e gráfica nVIDIA GTX 1080, de xeito que sería compatible con sistemas de realidade virtual, algo que normalmente só viamos en equipos destinados a gamers en vez de a un público profesional.
Este novo ordenador de HP preséntase como o ordenador comercial máis potente e configurable do mundo, que mantendo un tamaño discreto (ocupa un 26% que outros equipos con semellantes capacidades de configuración) conta con 5 baías de expansión (de diferentes tamaños) e dous conectores M.2 adicionais, de xeito que chega cunhas completas especificacións e preparado para o futuro.
Pode configurarse con procesadores Intel Core de sétima xeración dende o i3-7100 até o i7-7700K, con até 64 GB de RAM, gráfica Intel HD Graphics 530/630/610 integrada coa posibilidade de incorporarse unha gráfica discreta até unha nVIDIA GeForce GTX 1080 FH con 8 GB de memoria, varias unidades de disco (como discos duros híbridos de até 1 TB ou unidades SSD de até 512 GB), Gigabit Ethernet, Wi-Fi AC, Bluetooth, fonte de alimentación de 250 watts, unhas dimensións de 37 x 36,5 x 15,4 centímetros e un peso de 9,86 quilogramos.
Temos así un excelente equipo para empresas que precisen ordenadores potentes para o desenvolvemento de software ou traballos de enxeñaría que poidan tirar proveito das capacidades gráficas que normalmente entendemos para o lecer ou, simplemente, para profesionais que queren gozar dun equipo de escritorio altamente configurable.

O HP EliteDesk 800 G3 Tower PC conta con grandes opcións de configuración e ampliación pese a ser un ordenador destinado a empresas

PUBLICIDADE