HP presenta un ordenador todo-en-un que integra escáner 3D e proxector

mércores, 29 de outubro do 2014 Marcus Fernández

HP presentou hoxe un novo equipo todo-en-un realmente impresionante, o Sprout, que pretende ser unha ferramenta para a creatividade do usuario que sorprende por ofrecer unha experiencia de uso sen precedentes. Para comezar o Sprout non só ten unha pantalla táctil Full HD de 23 polgadas, senón que sobre a mesma integra un proxector (HP Iluminator) que presenta imaxes sobre un panel táctil de 20 polgadas (coñecido como HP Touch Mat) que se colocan onde normalmente teríamos un teclado tradicional. Temos así unha experiencia semellante á de empregar dúas pantallas táctiles, facendo unha das mesmas de rato e teclado.
Pero a curiosa interface de uso non é o único no que destaca este novo equipo informático, senón que no HP Iluminator tamén integra lámpada LED de escritorio, un escáner 3D e unha cámara de 14,6 Mpíxeles, de xeito que pode rexistrar obxectos do mundo real en poucos minutos, para poder empregalos rapidamente para interactuar e crear.
Cómpre destacar que non estamos precisamente ante un equipo de modestas prestacións, senón que este ordenador funciona cun procesador Intel Core i7 4790S de cuarta xeración, con 8 Gb de RAM (ampliable até 16 Gb), 1 Tb de disco duro (acelerado mediante unha caché flash de 8 Gb), gráfica nVIDIA GeForce GT 745A con 2 Gb de memoria dedicada, Gigabit Ethernet, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, 2 portos USB 2.0, 2 portos USB 3.0, lector de tarxetas de memoria 3-en-1, son DTS (con 4 altofalantes frontais con subwoofer) e webcam de 1 Mpíxel, que incluso conta cun stylus Adonit Jot Pro, características que xunto co HP Iluminator e a HP Touch Mat parecen xustificar os 1.899,99 dólares aos que sairá este equipo ao mercado o vindeiro 9 de novembro.


Vídeo promocional de Sprout

HP prepara un novo sistema de impresión 3D

Pero o Sprout non era o único produto revolucionario que HP presentaba hoxe, e o potencial deste equipo para a creación de modelados tridimensionais tampouco é casualidade, xa que HP desvelou que está a traballar nunha nova tecnoloxía chamada multi-jet fusion que prevé chegar ao mercado en 2016 e que suporá un grande salto na impresión 3D ao conseguir reducir a fenda entre velocidade, calidade e custo que en actualmente esta tecnoloxía.
Esta nova tecnoloxía baséase na actual tecnoloxía térmica de inxección de tinta de HP, conseguindo imprimir obxectos 10 veces máis rápido que as impresoras actuais; que ao poder aplicar múltiples axentes líquidos á vez consegue unha precisión, unha resistencia e unha calidade moi superior; consegue un nivel de precisión e detalle que pretende facer posible a fabricación de pezas funcionais dun xeito máis fiable que as tecnoloxías actuais; e incluso procura unifica re integrar varios pasos do proceso de impresión 3D para reducir tempo, custo, consumo enerxético e refugallos, facendo a impresión 3D máis económica.

A tecnoloxía de impresión 3D que está a desenvolver HP conseguirá uns niveis de precisión e detalle sen precedentes

PUBLICIDADE