HP presenta unha nova liña de equipos para gamers

xoves, 26 de maio do 2016 Marcus Fernández

Aínda que HP é unha compañía que ten unha imaxe moi ligada ao mundo da empresa, non deixa de lado aos afeccionados aos xogos para PC, e presenta un interesante catálogo de produtos baixo a marca OMEN orientados á cubrir as demandas dos gamers, usuarios que esixen equipos de grande potencia gráfica e deseño agresivo. A nova colección está formada por portátiles con pantalla de 15,6 e 17,3 polgadas, un ordenador de escritorio e un monitor de 32 polgadas.

Portátiles OMEN

Os novos portátiles OMEN son equipos de grande potencial, equipados con gráficas nVIDIA GTX até a 965M e con até procesadores Intel Core i7, que poden configurarse con até 16 GB de RAM, 512 GB de SSD (ou 2 TB de disco duro, con opción de dobre unidade que permitiría chegar a 4 TB de disco duro apoiado por unha SSD de 128 GB), batería con carga rápida que nalgún modelo podería chegar ás 10 horas de autonomía e un deseño que facilita a súa refrixeración dun modo relativamente silencioso.
Como dixemos, estarán dispoñibles con pantallas de 15,6 e 17,3 polgadas, pero entres estas opcións tamén está a posibilidade de optar por unha pantalla IPS 4K. Contan con teclado retroiluminado, altofalantes Bang & Olufsen, 1 porto USB 2.0, 2 portos USB 3.0, saída HDMI e conexións RJ-45. Como curiosidade, tamén permiten optar entre unha webcam de alta definición ou unha cámara Intel RealSens (que permite experiencias 3D e habilita o control xestual de aplicacións).
Estes equipos chegarán ao mercado a mediados de xuño a un prezo que parte dos 999 euros para o modelo con pantalla de 15,6 polgadas, e de 1.099 euros para o modelo de 17,3 polgadas.

Ordenador de sobremesa OMEN

No escritorio a proposta de HP é máis ambiciosa, xa que os seus equipos de deseño vertical bastante compacto poden equiparse con até procesadores Intel Core i7 e gráficas nVIDIA GeForce GTX 1080 (permitindo a conexión de até 4 monitores 4K), buscando así ser potentes dabondo para correr de xeito fluído contornos de realidade virtual.
Estes atractivos ordenadores poden configurase con até 32 GB de RAM, até 512 GB de SSD e até 3 TB de disco duro. Tamén contan con opción de refrixeración líquida, o seu hardware está accesible sen usar ferramentas (facilitando a súa personalización), á vez que tamén ofrece posibilidades para o overclocking. Chegará ao mercado o 1 de xullo a un prezo que parte dos 1.099 euros.

Monitor de 32 polgadas

Para completar a súa oferta, e pensando especialmente nos seus equipos de sobremesa, a liña OMEN ten tamén un monitor de 32 polgadas que promete a mellor experiencia posible para os xogos grazas á súa resolución Quad HD, cun amplo ángulo de visión, un espazo de cor moi completo (aborda o 100% do sRGB) e con soporte da tecnoloxía AMD FreeSync para permitir unha excelente experiencia en xogos que soporten esta tecnoloxía. Espérase que chegue ao mercado no mes de agosto.

PUBLICIDADE