HP reinventa o ordenador de sobremesa dándolle aparencia de altofalante

xoves, 1 de setembro do 2016 Marcus Fernández

En moitos fogares óptase por adquirir ordenadores portátiles ou todo-en-un por motivos estéticos e de espazo, pero pensando nos usuarios que non queren sacrificar as prestacións dun bo equipo de sobremesa á vez que queren coidar a súa estética, HP presenta o seu novo Pavilion Wave, un elegante ordenador encerrado nunha carcasa de ten a aparencia dun altofalante de base triangular e que, de feito, integra un altofalante de 360 graos, de xeito que fai unha función dobre, á vez que ten unha aparencia moi discreta que non desloce un escritorio ou un salón.
O HP Pavilion Wave funciona con procesadores até os Intel Core i7 de sexta xeración, até 2 TB de disco duro (con opción dunha segunda unidade cunha SSD de 128 GB), até 16 GB de RAM, opción de gráfica AMD Radeon R9 M470, un bo sistema de son (B&O PLAY), a posibilidade de funcionar con até 2 monitores (1 UHD ou 2 QHD), 3 unha completa conectividade (3 portos USB 3.0, 1 porto USB 3.1 de tipo C, 1 HDMI, 1 DisplayPort, Gigabit Ethernet, toma para micrófono/auriculares, Wi-Fi AC e Bluetooth).
Este equipo chegará ao mercado estadounidense o 23 de setembro a un prezo de 549,99 dólares, descoñecéndose o prezo no que o teremos en Europa, pero que parece o suficientemente axustado como para converterse nun produto moi atractivo para os que busquen un ordenador que poida colocarse no salón ou en calquera outra instancia onde un ordenador en formato torre desentoaría bastante se tivese unha estética tradicional.

O equipo de HP pode empregarse no escritorio de forma bastante discreta, e incluso podería colocarse nun estante pasando por un altofalante

PUBLICIDADE