HTC estrea no Xapón o primeiro smartphone con pantalla Full HD de 5 polgadas

mércores, 17 de outubro do 2012 Marcus Fernández

HTC non quere quedar atrás na carreira dos móbiles con Android, e para que os terminais de Samsung non lle fagan sombra vén de lanzar no Xapón o HTC J Butterfly, que destaca por ser o primeiro smartphone do mundo cunha pantalla de 5 polgadas en Full HD (1.080p). Este terminal é exclusivo do operador móbil nipón KDDI, e dende HTC aseguran que para o resto do mundo lanzarán terminais equivalentes en breve.
O HTC J Butterfly presume de estrear panel Super LCD 3 cunha definición de 440 píxeles por polgada (superando sobradamente os 326 dpi da pantalla Retina do iPhone 5), funciona con Android 4.1 con Sense 4+, procesador Snapdragon S4 Pro de catro núcleos a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante microSD, cámaras de 8 e 2,1 Mpíxeles, Beats Audio, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, NFC, LTE, batería de 2.020 mAh, un grosor de 9,1 milímetros e 140 gramos de peso, características que o converten nun dos móbiles máis avanzados do mercado, do que agardamos que chegue pronto un equivalente internacional.


Vídeo de presentación do HTC J Butterfly

PUBLICIDADE