HTC presenta novos smartphones sen conector para auriculares

xoves, 12 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Poñendo a atención no usuario HTC presenta os seus novos smartphones de referencia, os HTC U Ultra e HTC U Play, que sorprenden por ousar a eliminar o conector de auriculares (na liña do que tamén fai Apple) e que buscan chegar a un público esixente co Ultra e a un público máis amplo co Play (que promete ter un prezo agresivo, mentres que o seu irmán terá un prezo de alta gama, que nos EE.UU. sería duns 749 dólares).
O HTC U Ultra é un ambicioso smartphone con pantalla dual de 5,7 polgadas cunha resolución Quad HD (2.560 x 1.440 píxeles) con contornos curvados que no modelo superior contará con cristal de zafiro para unha maior protección. A pantalla dual consiste nunha pequena pantalla secundaria frontal superior que achega accesos rápidos a contactos, notificacións e funcións.
Este teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 821, 4 GB de RAM, 64 ou 128 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB, cámara traseira de 2 Mpíxeles (HTC UltraPixel 2 cun tamaño de píxel de 1,55 micrómetro e apertura f/1.8) con flash LED de dobre ton, cámara frontal de 16 Mpíxeles, 4G Cat 11 (permitindo descargas de até 600 Mbps), NFC, Bluetooth 4.2, Wi-Fi AC, lector de pegadas dixitais, HTC BoomSound HiFi, USB-C 3.1, un grosor de 7,99 milímetros e un peso de 170 gramos, que aliméntase cunha batería de 3.000 mAh con carga rápida 3.0 que terá que demostrar se é dabondo para un dispositivo cunha pantalla tan grande. Chegará ao mercado en marzo con Android 7.0 con HTC Sense.
O HTC U Play é un teléfono moito máis modesto, cunha pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador MediaTek Helio P10 de 8 núcleos, 3/4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno, cámaras frontal e traseira de 16 Mpíxeles, NFC, Bluetooth 4.2, Wi-Fi AC, lector de pegadas dixitais, USB-C 2.0, un grosor de 7,99 milímetros e 145 gramos, que tamén adoece dunha batería bastante xusta (de 2.500 mAh).

Vídeo no que podemos ver a presentación dos novos smartphones de HTC

PUBLICIDADE