Halo 4 contará con novos mapas a semana que vén

mércores, 20 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Larry Hryb, o Major Nelson de Xbox LIVE, anunciou que o luns que vén estrearán o Majestic Map Pack para Halo 4, de xeito que os seareiros da última entrega de Halo desenvolvida por 343 Industries poderán ampliar a súa experiencia de xogo a través dun conxunto de contidos descargables desenvolvidos por Certain Affinity e que 3 mapas completamente novos pensados para o combate competitivo en pequenos equipos e modos abertos: Landfall, Monolith e Skyline. Este contido descargable poderá adquirirse por 800 Microsoft Points (uns 9,6 euros).
En Landfall teremos unha enorme cidade destruída pola guerra; Monolith será un mapa ambientado nun monumento á deriva nun cinto de asteroides; e Skyline sitúase nos tellados dunha nova base espacial. A maiores destes mapas tamén se inclúe un novo tipo de xogo, Infinite Rumble, que temporalmente será exclusivo de usuario que merquen este lote de mapas e que engade novos xiros á experiencia de xogo.


Vídeo de presentación do novo lote de mapas para Halo 4

PUBLICIDADE