Halo 5 contará cun editor de mapas para Windows 10

xoves, 19 de maio do 2016 Marcus Fernández

Os xogadores de PC están afeitos a que moitos dos seus xogos favoritos conten con ferramentas que permitan aos seareiros máis apaixonados crear mapas que poder compartir coa comunidade de usuarios, ampliando así a experiencia de xogo sen custo adicional, práctica moi anterior aos hoxe moi habituais contidos descargables de pagamentos, e dado que en franquías como a de Halo as creacións da comunidade xogaban un rol moi importante, hoxe anuncian que van retomar ese espírito.
Así, ao igual que Halo 3 contaba en 2007 cun editor de mapas chamado Forge, mudando o xogo para sempre, e aínda que esta ferramenta xa funciona con Halo 5: Guardians para Xbox One, agora dan a grande nova de que este ano estrearán Forge – Halo 5: Guardiands Edition para Windows 10, que contará con novidades con respecto á versión de Xbox One como soporte para teclado e rato (conseguindo así unha maior precisión no control), máis resolución (será posible empregar esta ferramenta en ultra alta definición), poderanse probar e xogar as creacións cos amigos e o que se cree no PC poderán publicarse e xogarse en Xbox One, abríndose así a un inmenso número de xogadores do shooter estrela de Microsoft.
Dende 343 Industrieis tamén queren destacar que o feito de lanzar este editor para PC non implica que abandonen a versión para Xbox One, que ten previsto recibir moitas novidades nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE