Halo: Spartan Assault terá secuela en decembro

mércores, 15 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O xogo Halo: Spartan Assault conseguiu un grande percorrido, nacendo en Windows Phone e Windows 8/RT e dando logo o salto a Xbox One, de xeito que o que parecía un simple xogo de acción con vista aérea para dispositivos móbiles converteuse nun título a ter en conta dentro da franquía Halo até o punto de que Microsoft e 343 Industries veñen de confirmar a súa secuela, Halo: Spartan Strike, que manterá a súa mecánica e chegará o 12 de decembro trasladando a opción desta volta durante os eventos acontecidos en Halo 2.
Desta volta o xogo non chegará por separado a ordenadores, tablets e móbiles, senón que poderá mercarse na tenda de aplicacións de Windows unha única vez por 5,99 dólares, podendo logo instalarse indistintamente baixo Windows 8.1 e Windows Phone, vantaxe da que non poderán gozar os que adquiran o xogo a través de Steam. Esta aventura repartirá a acción en 30 misións, descoñecéndose polo momento se hai plans de que tamén dea o salto á Xbox One (o que parece bastante probable).

PUBLICIDADE