Hellblade: Senua’s Sacrifice sae á venda para PS4 e PC

martes, 8 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Durante a celebración da Gamescom de 2014 Sony sorprendeu realizando anuncios de producións das que non comentara nada durante o E3, o que contribuíu a dar relevancia á edición da feira de videoxogos de Colonia, sendo un dos pratos fortes Hellblade, xogo de acción de Ninja Theory, o estudio detrás de Heavenly Sword e DmC, de xeito que a expectación ao redor do xogo era elevada e aínda que se esperaba que fose exclusivo para PlayStation 4, pouco despois anunciouse que tamén tería versión para PC.
Pasados tres anos o xogo xa é unha realidade, pero esta especie de superprodución independente nótase que é un xogo moito máis modesto do que deuse a entender inicialmente, de xeito que esta aventura con toques de hack and slash non sae á venda a prezo completo, senón que a partires de hoxe pode mercarse para PlayStation 4 e PC (Steam) a un prezo de 29,99 euros.
Este novo xogo está ambientado na era viquinga colócanos na pel dunha guerreira celta traumatizada, Senua, que se embarca nunha misión onírica obsesiva para loitar pola alma do seu defunto amante. Hellbalde: Senua’s Sacrifice busca somerxer ao xogador na furia melancólica da esnaquizada mente de Senua, de xeito que este xogo de acción transmite algo máis do que resulta habitual no seu xénero e, aínda que non sexa o grande lanzamento que podiamos pensar que sería tras a súa presentación, é unha creación máis que digna que ten a garantía de vir da man dun estudio máis que solvente á hora de desenvolver xogos hack and slash.

Hellblade é un hack and slash cun acabado gráfico moi coidado

Tráiler de Hellblade: Senua’s Sacrifice

PUBLICIDADE