Honor Watch GS Pro, o novo reloxo conectado para aventureiros

venres, 4 de setembro do 2020 Marcus Fernández

O novo reloxo conectado de Honor parece que vai conseguir destacar nun sector de accesorios tan saturado, grazas a unha proposta que consiste nun deseño resistente (pensando no público máis aventureiro) e nunha boa autonomía (25 días sen o GPS activado e até 48 horas co GPS activado).
O Honor Watch GS Pro sairá á venda o 8 de setembro a un prezo promocional de 199,90 euros, o que deixa claro que non se trata dunha simple pulseira de actividade con forma de reloxo, senón que ten elementos diferenciais como certificación MIL-STD-810G, ou sexa, que resiste temperaturas extremas, humidade, altitude, néboa salina, area e humidade, ou sexa, condicións adversas ás que os usuarios aventureiros someten moitas veces aos seus trebellos.
O novo reloxo de Honor tamén conta con función de reloxo con esferas personalizables na súa pantalla circular táctil AMOLED de 1,39 polgadas cunha resolución de 454 x 454 píxeles; a súa autonomía é de 40 horas co GPS acendido en modo de rendemento, de 100 horas co GPS acendido en modo de aforro de enerxía e até 25 días co GPS apagado; o GPS aprovéitase para a función Route Back, que achega o camiño de regreso cando exploramos rutas pouco transitadas; conta con funcións de adestrador persoal de esquí con alertas de voz xunto a máis dun cento de modos de adestramento; na monitorización física rexistra o ritmo cardíaco, a calidade do sono e o nivel de osíxeno en sangue; incorpora altofalante e micrófono para poder responder chamadas telefónicas sen ter que sacar o teléfono en momentos complicados (indo en bicicleta, escalando...); e tamén pode aproveitarse para controlar a reprodución musical, contando con almacenamento para aproximadamente medio milleiro de cancións, de xeito que podemos levar a música connosco nos adestramentos sen ter que cargar co smartphone.
Estamos claramente ante un smartwatch que, aínda que non é tan avanzado como os de Apple ou Samsung, está moi ben dirixido para un público moi determinado, afeito a que este tipo de reloxo teña un prezo bastante máis elevado.

PUBLICIDADE