Honor trae os seus auriculares sen fíos con cancelación de ruído a só 79,90 euros

venres, 8 de maio do 2020 Marcus Fernández

Como unha alternativa económica aos AirPods Pro de Apple, o vindeiro martes chegan a España os auriculares Honor Magic Earbuds cun prezo de lanzamento de 79,90 euros (pasarán a custar 99,90 euros tras unha semana), o que está moi lonxe do habitual neste tipo de produtos dunha marca recoñecible.
Os Honor Magic Earbuds teñen un deseño claramente inspirado nos auriculares de Apple, e presumen de contar con tecnoloxía de cancelación de ruído activa híbrida, de xeito que aproveita os seus micrófonos para recibir o son ambiental e cancelalo até 32 dB, reducindo así o ruído do contorno mentres se escoita música ou realizan chamadas telefónicas. De feito, estes auriculares integran un total de 3 micrófonos para facilitar a cancelación de ruído en chamadas.
Os auriculares poden controlarse de xeito táctil, de xeito que con simples toques manéxase a reprodución musical, a recepción de chamadas e a activación da cancelación de ruído activa. Tamén contan cun sistema de emparellado rápido con só abrir o estoxo de carga dos auriculares, compatible con móbiles Huawei e Honor (co resto de móbiles funcionaría como uns auriculares Bluetooth ordinarios).
No que respecta á súa autonomía, os Magic Earbuds poden funcionar até 3,5 horas seguidas reproducindo música (3 horas coa cancelación de ruído activada) ou até 2,5 horas de conversa (2 horas coa cancelación de ruído).
Este auriculares dispoñibles en cor branca ou azul inclúen tapóns de silicona de 3 talles distintos, para que empreguemos os que mellor se adapten ao tamaño do noso ouvido.
Estamos ante un produto moi interesante, especialmente para quen queren uns auriculares sen fíos que non resulten extraordinariamente caros, e non confíen en clons dos AirPods de fabricación chinesa sen marca.

A cancelación de ruído activa non é unha función habitual en auriculares neste rango de prezo

PUBLICIDADE