Horizon Forbidden West podería adiarse até 2022

venres, 30 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Na presentación oficial da PlayStation 5 deron a coñecer algúns dos seus primeiros xogos, como Spider-Man: Miles Morales e o remake de Demon’s Souls, sendo un dos títulos máis destacados do evento Horizon Forbidden West, secuela do aclamado Horizon Zero Dawn (que superou os 10 millóns de copias vendidas), e que estaba previsto para a vindeira campaña de Nadal, pero dende Bloomberg traen malas novas e aseguran que o xogo adiarase até o primeiro trimestre de 2022.
Afirman que a COVID-19 provocou cambios no calendario de lanzamentos, afectando a grandes desenvolvementos como a secuela de God of War e o xa mencionado Horizon Forbidden West, de xeito que a PlayStation 5 vería debilitada a súa oferta de xogos exclusivos de cara ao Nadal, o que probablemente non teña consecuencias nas vendas xa que actualmente a demanda de consolas PS5 segue a ser moi superior á oferta e aínda resulta imposible adquirir a máquina en tendas físicas.
Probablemente non se anuncie oficialmente o adiamento da secuela de Horizon Zero Dawn até o PlayStation State of Play que podería ter lugar en setembro e tamén cómpre lembrar que, aínda que inicialmente Sony daba a entender que Horizon Forbidden West sería exclusivo de PS5, finalmente sairá tamén para PS4, xa que non resulta razoable deixar fóra ao xigantesco parque de consolas da anterior xeración nun momento no que resulta case imposible dar o salto de xeración por problemas de abastecemento das novas consolas.

PUBLICIDADE