Horizon Worlds chega a España

martes, 16 de agosto do 2022 Marcus Fernández

A plataforma que Meta está a empregar como precursora do seu metaverso, Horizon Worlds, chega hoxe a dous novos países europeos, Francia e España, segundo anuncia o propio Mark Zuckerberg, adiantando que nos vindeiros meses chegará a máis países europeos.
Este mundo virtual, dispoñible para usuarios de cascos de realidade virtual de Meta, está agora dispoñible para usuarios maiores de 18 anos aos que ofrece un espazo inmersivo e social no que explorar, xogar e crear con outros usuarios. En Horizon Worlds podemos atopar espazos para a relaxación, locais de comedia, pistas para xogar aos birlos e incluso xeitos de asistir a eventos en directo (coa porta aberta a que sexan de pagamento), buscando que os usuarios poidan personalizar a súa experiencia e vestir os seus avatares con produtos á venda incluso de marcas recoñecidas que están a dar os seus primeiros pasos no virtual.
Neste espallamento Horizon Worlds continúa a explorar as posibilidades desta plataforma, así como o xeito de manter a orde en espazos virtuais, para o que hai que desenvolver e probar distintas ferramentas de moderación e control que permitan que o os mundos virtuais poidan ser seguros.
Como exemplo destes avances, anuncian que están a preparar novas medidas de control nas conversas de voz, de xeito que pode limitarse a voz de descoñecidos (os que verán mediante unha icona que a persoa coa que tentan falar non pode escoitalos) evitando así conversas incómodas. Tamén está a aplicarse unha novidade moi demandada: que outros usuarios non poidan invadir o noso espazo persoal no mundo virtual, o que prevén moitas situacións de acoso e comportamentos indecorosos.

Vídeo promocional de Horizon Worlds

PUBLICIDADE