Huawei estrea un router ao que podemos conectarnos usando NFC

luns, 25 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Acompañando á tableta Huawei MatePad Pro chega o Huawei A2, un router Wi-Fi tribanda que non debería ter problemas para comercializarse pronto en Europa (por non depender de licenzas para a utilización dos servizos de Google), e que chama poderosamente a atención por incorporar NFC, de xeito que para conectarnos a el chega con que acheguemos o noso smartphone compatible desbloqueado para que se comuniquen e así non sexa preciso inserir manualmente un complicado contrasinal de rede sen fíos.
Este router con forma cilíndrica funciona cun procesador a 1,4 GHz e 256 MB de RAM, é compatible con até Wi-Fi AC, pode manexar un largo de banda de até 2.134 Mbps, integra 6 amplificadores de sinal independentes, mide 104 x 210 milímetros e pesa 580 gramos. Tamén conta cunha aplicación para poder establecer limitacións de control parental (como bloqueos de acceso, restricións de xogo/vídeo ou límites de tempo) e inclúe medidas de seguridade para evitar certos tipos de estafas en liña. Permite a súa xestión remota e a creación de redes Wi-Fi para convidados. Pero unha das cousas máis salientables deste produto tan completo é que o seu prezo é de só 399 iuans (51,53 euros).

PUBLICIDADE