Huawei prepara un altofalante con Alexa que integra un router 4G

venres, 31 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Non só Netgear entende que os altofalantes con asistente de voz poden aproveitarse para integrar outras funcionalidades, senón que a propia Huawei tamén quere innovar ao respecto co seu AI Cube, un altofalante conectado cun deseño moi semellante ao do Google Home, pero que opta polo asistente de voz de Amazon e que sorprende por incluír un router Wi-Fi e un modem 4G.
O Huawei AI Cube pode resultar así un produto moi atractivo para fogares que carezan de banda larga fixa, pois dese xeito terían nun único dispositivo unha solución que achegaríalles conectividade sen fíos partindo do 4G, e que tamén serviría como asistente de voz e altofalante. Un produto moi versátil, que estes días pode verse na feira IFA de Berlín e que mide 218 milímetros de alto, ten un diámetro de 116 milímetros e pesa 900 gramos. Soporte conexións LTE de até 300 Mbps e monta unha rede Wi-Fi AC de dobre banda.
Espérase que este produto chegue ao mercado europeo de cara á campaña de Nadal, sendo unha das cousas máis enigmáticas que ten o seu nome, pois claramente o trebello non ten forma de cubo.

PUBLICIDADE