Huawei presume de móbil encartable 5G

domingo, 24 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A presentación do Samsung Galaxy Fold converteuse en todo un fito tecnolóxico que leva a que outros fabricantes queiran subir ao carro das pantallas flexibles para amosar músculo ante o mercado, de aí que Huawei quixese chegar ao Mobile World Congress de Barcelona presentando o Huawei Mate X, un smartphone 5G con pantalla flexible que incluso ousa ter un prezo superior aos 1.980 dólares do dispositivo de Samsung, prevéndose que saia á venda a mediados de 2019 a 2.299 euros.
Durante a presentación en Barcelona dende Huawei amosaron a grande velocidade que conseguía o Mate X cunha rede 5G montada por Vodafone España, pero o que chama máis a atención é que este dispositivo teña unha pantalla OLED de 8 polgadas cunha resolución de 2.480 x 2.200 píxeles que pode empregarse a xeito de tableta pero que, ao dobrar o dispositivo, quedaría como unha cámara frontal de 6,6 polgadas cunha resolución de 2.480 x 1.148 píxeles e unha pantalla traseira de 6,38 polgadas cunha resolución de 2.480 x 892 píxeles, que aínda que teñen unhas relacións de aspecto moi pouco habituais, facilitan o uso do dispositivo coma se dun smartphone tradicional se tratase. Este curioso smartphone funciona con dobre SIM, das que unha poderá operar en 5G, mentres que a outra só operaría até en 4G.
O Huawei Mate X non esquece o apartado fotográfico, e integra unha cámara certificada por Leica que grazas ao sistema de dobre pantalla pode servir tanto de cámara frontal como de traseira. O botón de acendido do móbil está situado nun lateral, e integra un lector de pegadas dixitais, conseguindo así que a posta en marcha do terminal sexa rápida e segura. E para completar este dispositivo temos que a súa batería de 4.500 mAh conta cun sistema de carga rápida de 55 watts que permite completar o 85% da súa carga en só 30 minutos.
Cómpre salientar que este concepto de teléfono é moi diferente ao Samsung Galaxy Fold, xa que está baseado nunha única pantalla que ao dobrar o dispositivo convértese en dúas pantallas externas de grande tamaño (unha traseira e outra frontal), contraste que facilitará comparar estes produtos cando cheguen ao mercado, para ver así a proposta que mellor reciben os usuarios finais, así como se o feito de situar a pantalla flexible na parte exterior do dispositivo é unha configuración demasiado agresiva, que force a levar o dispositivo con proxectores adicionais para evitar o seu rápido deterioro. Tamén hai moitas dúbidas sobre o comportamento que terá o software no dispositivo de Huawei (mentres que o de Samsung contou coa colaboración de Google, o que é unha garantía).

Vídeo do evento de Huawei no que amosaron o seu teléfono flexible

PUBLICIDADE