Huawei terá a súa propia cámara de 360 graos para smartphones con Android

xoves, 23 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Hai tres meses unha campaña en Indiegogo buscaba facer realidade a cámara Insta360 Air, un accesorio con forma esférica que conta con dous obxectivos de ollo de peixe que pode conectarse ao porto USB dun smartphone con Android para captar imaxes e vídeos en 360 graos, e que xusto durante os días nos que está a chegar aos seus mecenas un anuncio dá a entender que podería converterse nun produto realmente masivo, xa que Huawei pechou un acordo con Insta360 para comercializar este trebello baixo a súa marca como Honor VR Camera.
Estamos ante un accesorio que pode popularizar enormemente a creación de contidos en 360 graos e contribuír así á adopción das tecnoloxías de realidade virtual. Insta360 achegará tanto o hardware como o software deste produto que permite tomar fotografías de 3.008 x 1.504 píxeles e vídeos cunha resolución de 2.560 x 1.280 píxeles (nalgúns modelos de móbil é capaz de capturar o vídeo a 3.008 x 1.504 píxeles), destacando por realizar a operación de cosido das imaxes dos seus dous obxectivos directamente no móbil, o que permite que incluso poida realizar retransmisións en directo a través de YouTube. Confíase en que máis adiante tamén permita transmitir en directo vídeo de 360 graos tanto en Twitter como en Facebook.
Polo momento non se coñece o prezo ao que chegará ao mercado está cámara, pero dado a que a través de Indiegogo puido conseguirse por pouco máis de 100 euros é de esperar que o seu prezo de venda sexa bastante asumible, converténdose nun grande competidor para produtos como as cámaras Theta de Ricoh.

PUBLICIDADE