HyperX presenta uns auriculares gaming que tamén funcionan en mobilidade

martes, 9 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Mercar uns bos auriculares para o seu uso con videoxogos non resulta doado, especialmente se queremos dispositivos versátiles que tamén poidamos aproveitar para escoitar música en mobilidade, e para atender esta demanda HyperX presenta os seus novos auriculares Cloud MIX, que mesturan conectividade de cable con conectividade Bluetooth 4.2 de xeito que se adaptan a distintos escenarios.
Os auriculares HyperX Cloud MIX poden conectarse por cable ao noso ordenador ou consola para así gozar de son en alta resolución con frecuencias de entre os 10 Hz e os 40 kHz (con certificación Hi-Res) e poden captar ben a voz do usuario a través dun micrófono de xirafa extraíble, pero cando queiramos gozar do dispositivo en mobilidade tanto podemos desconectar o cable de audio de 3,5 mm como o micrófono de xirafa, pasando a ter uns auriculares Bluetooth que tamén integran micrófono e teñen unha autonomía de até 20 horas.
Estes auriculares ofrecen unha grande calidade de son en boa medida polo seu deseño de drivers de dobre cámara para unha menor distorsión, separando as frecuencias dos baixos das dos altos e os medios, proporcionando un son máis fluído e definido.
Pero para moitos usuarios a principal bondade dos auriculares HyperX é a súa comodidade (grazas ao coiro sintético suave e flexible e a o uso de espuma viscoelástica espesa) e resistencia (pola súa estrutura de aluminio).
Os auriculares Cloud MIX aínda non chegaron ao mercado español, pero xa coñecemos o seu prezo nos EE.UU., onde véndese en Best Buy por 199,99 dólares, de aí que sexa razoable pensar que en España custará máis de 200 euros.

Os auriculares HyperX Cloud MIX poden usarse comodamente en mobilidade empregando a conectividade Bluetooth 4.2 e o micrófono integrado

Vídeo promocional dos auriculares HyperX Cloud MIX

PUBLICIDADE