IKEA podería comercializar lámpadas conectadas no outono

venres, 29 de maio do 2015 Marcus Fernández

Dende IKEA parecen ser cada vez máis conscientes da tecnoloxía no fogar, e tras incorporar ao seu catálogo de produtos televisores conectados e cargadores sen fíos, o vindeiro outono teñen previsto lanzar a Home Smart II Lightning Collection, ou sexa, unha solución de lámpadas regulables e controlables dende o móbil, que prometen ser máis económicas que outras solucións semellantes presentes no mercado.
Deste xeito a compañía sueca entraría no sector da domótica dun xeito discreto: con lámpadas LED que poden mudar de cor e intensidade, para poder adaptar os ambientes do fogar aos nosos gustos e necesidades, para o que poderemos empregar un mando a distancia, un sensor de presenza ou unha aplicación para o smartphone (sendo esta última opción aínda máis completa). O máis interesante deste sistema é que está pensado para que sexa moi sinxelo, de xeito que o máis complicado da súa instalación sería enroscar as lámpadas.
Esta solución tamén permitiría o acendido automático das luces cando no esteamos no fogar (para simular que hai xente) e como detalle salientable estaría que non sería preciso contar cunha central para xestionar as lámpadas como acontece con produtos coma os de Philips, o que evita custos ocultos e outras complicacións, xa que a tecnoloxía estaría integrada completamente nas lámpadas (ou iso é o que IKEA asegura).

PUBLICIDADE