ILY: unha nova proposta de teléfono para toda a familia

luns, 29 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver como os smartphones son xa unha ferramenta de comunicación normalizada en case todos os ámbitos, pero segue a existir unha carencia, o contorno familiar, onde un dispositivo tan persoal pode non encaixar todo o ben que debera, de aí que xurda a idea de ILY, un teléfono familiar con prestacións propias dun smartphone, pero pensado para substituír ao teléfono fixo básico e sendo apto para usuarios de todas as idades e que no que resta de mes pode reservarse a un prezo de 199 dólares (202 euros cos gastos de envío a España incluídos) e que recibirían os seus compradores no outono, de xeito que terían así un desconto do 33% no produto.
Con ILY os nenos poden conectar con calquera integrante da familia, comunicándose tanto con outros dispositivos ILY coma con smartphones, tabletas ou equipos informáticos que teñan instalada a aplicación de ILY, sendo posible establecer conversas en vídeo, chamadas, mensaxes ou compartir outros contidos; e no que se refire ao uso como teléfono, inclúe un terminal sen fíos para as chamadas, podendo conectarse a base do produto á liña telefónica tradicional, de xeito que teriamos unha especie de smartphone fixo (aínda que tamén pode empregarse sen ningún tipo de liña telefónica).
Estamos ante un dispositivo de 309 x 164 x 50 milímetros e 1,2 quilogramos de peso, cunha pantalla táctil de 8 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles, conectores RJ11 (liña telefónica) e RJ45 (cable de rede), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1 (facilitando que o ILY poida operar dun xeito semellante a un mans libres do noso smartphone), altofalantes estéreo, micrófonos de alto alcance, conector para auriculares RJ9, cámara e capacidades de VoIP integradas.
Os responsables deste invento aseguran que con este produto buscan facer máis doado que un proxenitor poida conversar cos seus pequerrechos cando está de viaxe, que os avós o teñan máis doado para conversar cos seus netos (sen ter que contar coa intermediación dos pais) e, simplemente, para facilitar a comunicación entre persoais de entre 3 e 93 anos.


Vídeo promocional de ILY

PUBLICIDADE