IRIScan Book 3, un scanner portátil de grande versatilidade

martes, 21 de maio do 2013 Marcus Fernández

O mes que vén chega ao mercado o scanner portátil IRIScan Book 3 en dous modelos, un básico (por 99 euros) e outro Executive (por 129 euros), destacando este último por contar con conectividade Wi-Fi, o que facilita tanto a subida dos documentos dixitalizados á nube (a servizos como Dropbox, Evernote, Google Drive...) con só premer un botón como transferir documentos a outros dispositivos cos que se comunica sen fíos e incluso empregarse dende dispositivos móbiles a través dunha aplicación de balde dispoñible para Android e para iOS, facilitando así o levar os nosos documentos escaneados a calquera parte.
Este tipo de scanner portátil facilita o seu uso afastado do escritorio informático, almacenando os documentos dixitalizados nunha tarxeta microSD e podendo gardar os documentos de xeito gráfico (JPEG) ou incluso en PDF (nos que pode buscarse grazas á tecnoloxía de recoñecemento de texto). Con este tipo de dispositivo búscase poder gardar páxinas de libros, revistas e xornais sen ter que arrincalas, creando unhas copias en alta resolución (ata 900 puntos por polgada) das mesmas e incluso podendo converter os resultados en ficheiros ofimáticos editables.

O scanner chega ao mercado nun modelo básico e outro con Wi-Fi


Demostración de uso da aplicación para iOS do IRIScan Book Executive 3

PUBLICIDADE