Ineo e NovaGalicia Banco selan unha alianza para axilizar o financiamento do noso sector TIC

luns, 8 de abril do 2013 Redacción

Jorge Cebreiros e José Manuel Fernández durante a sinatura do acordo

O presidente da Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación, Ineo, Jorge Cebreiros, e máis o director territorial de Novagalicia Banco en Pontevedra, José Manuel Fernández, formalizaron o pasado 5 de abril un convenio de colaboración para (entre outras cousas) pór a disposición dos membros da asociación os recursos precisos para materializar os seus proxectos de innovación. Este apoio da financeira galega a prol do financiamento da I+D amosa, en palabras de Ineo, a relevancia estratéxica do sector tecnolóxico-dixital como motor “para a recuperación e o crecemento da nosa economía e o compromiso de Novagalicia co I+D como factor chave para o despegue tecnolóxico”. Noutras palabras: o acordo senta os alicerces dunha colaboración de longo percorrido concibida para aproveitar o potencial do sector TIC como puntal da reactivación económica da Comunidade.
Novagalicia Banco, en virtude disto, achegará un servizo integral que fornece aos asociados produtos de alto valor engadido, ademais dun servizo de asesoramento especializado. Entre os produtos salientan os avais requiridos nas solicitudes de anticipos das subvencións de proxectos, financiamento específico para anticipar o cobro das mesmas e outro tipo de instrumentos máis habituais como as liñas de desconto comercial, o leasing mobiliario e as pólizas de crédito. “O convenio favorece o acceso ao crédito por parte das compañías asociadas e facilita que estas poidan cumprir os requisitos das administracións públicas para desenvolver proxectos de I+D, dotando ao sector dunha maior flexibilidade e competitividade”, apunta o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros. Ao seu xuízo, estamos xa que logo perante un “vieiro de mellora para a actividade industrial e o desenvolvemento socio-económico e unha oportunidade real para que as nosas empresas asociadas reforcen o seu capital circulante e amplíen o seu crédito, o que lles permitirá levar a termo os seus plans de negocio creando valor, xerando emprego e aumentando a súa capacidade produtiva e competitiva”, sostén o primeiro directivo da asociación. En suma, trátase dunha iniciativa coa que Ineo favorece o emprendemento entre os seus asociados e habilita o camiño para que os seus proxectos se leven a cabo con éxito.
A xuízo de Cebreiros e Fernández, a cooperación entre as dúas entidades cobra especial relevancia neste intre debido á situación de desvantaxe que sofren as empresas do sector TIC, con respecto ás doutros eidos de actividade, para acadar financiamento. Así, neste ámbito as compañías non dispoñen de grandes investimentos en activo fixo para poder presentar avais, por iso son imprescindibles os convenios marco, como o asinado entre Ineo e a entidade financeira, cos que as empresas, como colectivo, poden negociar mellores condicións que de forma individual. “Como membro do Consello Consultivo de Ineo, Novagalicia Banco é plenamente consciente dos obstáculos que poden atoparse as empresas TIC para acceder ao crédito; por este motivo, a alianza deixa constancia, unha vez máis, do apoio que Novagalicia Banco prestou sempre á asociación e da implicación directa que tivo, e segue a ter, cos seus socios”, lembra Cebreiros.
Pola súa parte, o director territorial de Novagalicia en Pontevedra, José Manuel Fernández, ratificou esta aposta da entidade polo sector das novas tecnoloxías e indicou que “este convenio de colaboración insírese no apoio estratéxico da entidade financeira ao empresariado galego”. O máximo responsable da rede comercial do banco na provincia de Pontevedra explicou que “Novagalicia mantén acordos de colaboración estable con 140 asociacións empresariais e organismos sectoriais de Galicia, que permiten a máis de 16.000 empresas, comercios e autónomos acceder a condicións financeiras vantaxosas”.

PUBLICIDADE