Infinity Blade II achega uns gráficos de infarto aos dispositivos de Apple

venres, 2 de decembro do 2011 Marcus Fernández

No xogo haberá que enfrontarse a grandes e poderosos inimigos

A barreira que separa os xogos de consolas domésticas cos de dispositivos móbiles continúa a estreitarse, e Epic Games parece empeñada en cruzar tal fronteira, de aí que incorpore á App Store o xogo Infinity Blade II, que facendo uso do motor gráfico Unreal Engine 3, achega uns gráficos impresionantes, que aproveitarán a potencia dos últimos dispositivos de Apple, de xeito que, aínda que funcione nun iPhone 3GS ou nun iPad, no caso de instalalo nun iPhone 4S ou nun iPad 2, gozará de gráficos e efectos de iluminación mellorados.
Este xogo de acción e combates exclusivo para iOS presenta uns incribles gráficos 3D, permite elixir numerosas clases de armas, armaduras e feitizos, conta con 3 novos estilos de combate... en definitiva, unha mellora da entrega anterior, que neste caso pode adquirirse por 5,49 euros e inclúe a posibilidade de facer compras no xogo (que pode desactivarse para seguridade dos pais que deixen os seus trebellos de Apple aos seus cativos).

O xogo amosa uns gráficos impresionantes, que aproveitan ao máximo a potencial dos últimos dispositivos con iOS




Trailer de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE