Iníciase a comercialización do Samsung Galaxy Fold

xoves, 5 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Samsung confirmou que mañá mesmo porá á venda en Corea do Sur o seu agardado Galaxy Fold, o primeiro smartphone con pantalla encartable do mercado, dispoñible en cor Cosmos Black e Space Silver, e que tras o lanzamento coreano chegará a Francia, Alemaña, Singapur, Reino Unido, EE.UU. e outros países, detallando que nalgúns destes territorios tamén estará dispoñible unha versión 5G do dispositivo.
O Galaxy Fold non chegou a saír no mercado cando estaba previsto por terse detectado defectos de deseño que provocaban que se estragase a súa pantalla, polo que decidiron devolver o produto á mesa de deseño para corrixir os fallos e que así saia á venda un produto máis seguro, que promete abrir unha nova categoría de produtos grazas á súa pantalla de 7,3 polgadas que facilita o uso de varias tarefas á vez, podendo encartarse para o seu transporte.
Temos así un produto a medio camiño entre o smartphone e a tableta, que non pretende ser un supervendas (como queda claro polo seu prezo próximo de 2.000 euros no se modelo normal e de 2.100 euros para a versión con 5G), senón simplemente probar a receptividade do mercado e as posibilidades desta proposta que, de consolidarse, pode ser o comezo de toda unha nova xeración de produtos, ao igual que no seu día os Galaxy Note conseguiron que se normalizasen os smartphones con pantallas de máis de 4 polgadas.
En España teremos que agardar a mediados de outubro para poder facernos con este orixinal produto que combina a mencionada pantalla flexible de 7,3 polgadas cunha pantalla exterior de 4,6 polgadas (para empregar co móbil pechado) e 6 cámaras repartidas polo dispositivo para permitir o seu uso nas distintas disposicións do trebello.

Vídeo de presentación do novo Samsung Galaxy Fold

PUBLICIDADE