Injustice 2 chegará a Xbox One e PS4 o ano que vén

mércores, 8 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Coller aos personaxes máis coñecidos do Universo DC e colocalos nun futuro alternativo escuro que xustifique enfrontamentos violentos entre os distintos heroes foi unha xenialidade de Injustice: God Among Us, xogo no máis pulo estilo de Mortal Kombat que sentou as bases dun fío argumental que deu pé a unha das coleccións de cómics de máis éxito de DC na actualidade, polo que a súa secuela parecía inevitable, e finalmente Warner Bros. Interactive Entertainment e DC Entertainment anuncian que Injustice 2 xa está en mas de NetherRealm Studios para que en 2017 poida ser unha realidade para PlayStation 4 e Xbox One.
Ed Boon, de NetherRealms Studios asegura que “en Injustice 2 introduciremos novas características que mudarán o xeito no que os afeccionados empregan os xogos de loita”, xénero no que teñen moita experiencia, e ao que pretenden achegar elementos de personalización e progresión que supoñan un importante paso adiante neste xogo.
En Injustice 2 continuaremos a ver a personaxes clásicos como Batman, Superman, Supergirl e Aquaman, así como a novos viláns como Atrocitus e Gorilla Grodd, transcorrendo os enfrontamentos en contornos tamén icónicos como Metrópolis, Gotham e Atlantis.

Tráiler de presentación de Injustice 2

PUBLICIDADE