Injustice: Entre nosotros hay dioses terá pase de tempada

xoves, 21 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Da man dos creadores do último Mortal Kombat chegará o 19 de abril o xogo Injustice: Entre nosotros hay dioses, dispoñible para Wii U, Xbox 360 e PlayStation 3, e para estas 2 últimas versións Activision vén de anunciar que contarán con pase de tempada, ou sexa, coa posibilidade de adquirir todos os seus contidos descargables de xeito anticipado, o que permite beneficiarse dun desconto do 25%, de xeito que custará 14,99 euros para PS3 e 1.200 Microsoft Points para Xbox 360.
Está previsto que este espectacular xogo de loita conte con 4 contidos descargables con contidos adicionais entre os que figurarán 4 personaxes aínda sen confirmar e un lote de peles Flashpoint que modifican a aparencia de Wonder Woman, Aquaman e Deathstroke.
Injustice: Entre nosotros hay dioses presenta a numerosos personaxes de DC Comics como Batman, Superman, Solomon Grundy, Flash, Harley Quinn, Lex Luthor, Cyborg, Joker, Green Lantern, Catwoman e moitos outros nun universo alternativo no que a fronteira entre o ben e o mal está moi difusa, o que permite que tanto heroes como viláns actúen dun xeito máis violento do que estamos afeitos, dando pé a combates impresionantes nos que os personaxes máis poderosos non conterán as súas forzas para desatar unha grande destrución.

PUBLICIDADE