Instagram proba un adhesivo para incluír ligazóns nas historias

martes, 29 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos tempos había unha teima por procurar superar os 10.000 seareiros en Instagram xa que iso abría a posibilidade de colocar ligazóns nas historias, o que tiña un grande potencial de cara á realización de publicacións patrocinadas, pero dende a plataforma social pensan que pode haber máis xeitos de utilizar as ligazóns nas historias, polo que están a desenvolver unha proba que consiste en permitir que os usuarios poidan replicar as ligazóns nas historias a través dun adhesivo, abrindo as a funcionalidade a moitos máis usuarios.
Este novo sticker estará dispoñible para un número reducido de usuarios, o que permitirá analizar o uso que fan da funcionalidade, especialmente ao que se refire a prácticas como a divulgación de informacións falsas ou de publicidade non desexada, e o resultado deste experimento podería traducirse na popularización dunha prestación que resulta moi práctica, pero que actualmente está ao alcance de moi poucos como medida de contención ante posible malas prácticas. Tamén cómpre salientar que dende Instagram limitan dun xeito bastante extremo as ligazóns, para manter aos usuarios cativos da súa plataforma e que non marchen a navegar pola web tras premer nunha ligazón.

PUBLICIDADE