Intel presenta novos procesadores para portátiles

martes, 23 de abril do 2019 Marcus Fernández

Intel anunciou hoxe o lanzamento da xeración máis potente de procesadores Intel Core para equipos portátiles, a nova serie H de Intel Core de 9ª xeración, deseñada pensando en xogadores de PC e creadores de contido que queren levar a súa experiencia a un novo nivel, conseguindo rendementos propios de equipos de escritorio. Estes novos procesadores chegan até os 5 GHz e os 8 núcleos, á vez que tamén conta con conectividade Wi-Fi 6, de xeito que serían un elemento moi importante para conseguir equipos portátiles capaces de correr xogos de grande calibre ou procesar vídeo en 4K, á vez que gozan de conexións rápidas e fiables.
O procesador máis potente da nova serie sería o Intel Core i9-9980HK de 8 núcleos (16 fíos) até a 5 GHz, aínda que tamén haberá procesadores Core i5 e Core i7 desta nova familia.
Dende hoxe comezarán a estar dispoñibles estes novos procesadores en equipos de fabricantes como Acer, Asus, Dell, HP, Lenovo e MSI.

PUBLICIDADE