Intel presenta novos procesadores para ultraportátiles

luns, 31 de maio do 2021 Marcus Fernández

Co gallo da feira Computex 2021, Intel está a presentar 2 nosos procesadores da familia Intel Core de 11ª xeración dirixidos á equipos portátiles aos que achegan mellor desempeño, grande conectividade e, en definitiva, unha experiencia propia dos equipos actuais.
Os novos procesadores serían concretamente os Intel Core i7-1195G7 e Intel Core i5-1155G7, que poderemos ver no mercado en numerosos equipos portátiles de fabricantes como Acer, Asus, Lenovo e MSI, achegando velocidades de até 5 GHz (algo nunca visto en equipos ultraportátiles), un desempeño até un 25% superior sobre procesadores da competencia, conectividade Wi-Fi 6/6E, optimización ISV (conseguindo transcodificar vídeo até 8 veces máis rápido que a competencia e editar vídeo até o dobre de rápido) e permitir gozar de xogos Full HD cunha relación de fotogramas até 2,7 veces maiores que a competencia.
Tamén presentaron a tecnoloxía Intel 5G Solution 5000, que case multiplica por 5 a velocidade das conexións Gigabit LTE, e que permitirá integrar módulos con conectividade 5G en formato M.2, que este mesmo ano veremos en portátiles de distintas marcas, e que sumada á mencionada Wi-Fi 6/6E garante unha conectividade sen fíos de alta velocidade con independencia de que esteamos baixo conexións fixas ou móbiles.

PUBLICIDADE