Internet dálle folgos ao incremento do consumo cultural galego

mércores, 21 de decembro do 2016 Redacción

O Observatorio da Cultura do CCG vén de publicar un informe que sitúa a nosa terra como a Comunidade con meirande medre en consumo cultural do Estado, con 635 millóns de euros en 2015 e un 15,9% de suba con respecto ao exercicio previo. Estas cifras positivas, que confirman unha recuperación do sector que xa tardaba (a tendencia é por primeira vez declaradamente alcista dende 2008), débense en parte a un meirande investimento familiar en publicacións periódicas, en Internet e en servizos culturais e espectáculos.
Segundo fai saber o Observatorio, as devanditas cifras son “datos moi relevantes xa que poñen de manifesto unha recuperación do consumo cultural por primeira vez desde os inicios da crise desde 2008, cando en Galicia se gastaba 827,2 millóns de euros en consumo cultural”. No informe sinálase que os galegos gastaron en cultura uns 78,1 euros máis que o ano anterior, sendo a comunidade na que máis se incrementou o consumo de cultura. O consumo medio por fogar é nestes momentos de 587,7 euros.
Como dixemos, o incremento de gasto cultural de Galicia concentrouse en boa medida en publicacións periódicas, equipos audiovisuais de tratamento da información e Internet e espectáculos e outros servizos de bens culturais non contemplados nos anteriores. Entre as potenciais causas da tendencia á suba do consumo deste tipo de produtos, o Observatorio da Cultura Galega do CCG sinala o descenso dos prezos dalgúns bens e servizos culturais, sobre todo equipos informáticos ou audiovisuais. Tamén contribuíu o medre da confianza dos consumidores, que pasou dun 40% hai catro anos ao 70% en 2015.

PUBLICIDADE