Investigadores sentan as bases dun novo sistema de carga para o móbil: a través do teclear dos dedos

martes, 14 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Malia que só adoitamos a lembrar o complicado que é o labor de achegar enerxía aos nosos aparellos electrónicos cando non temos maneira de subministrarlla, probablemente este que vivimos sexa o intre máis axeitado –tendo en conta a costa abaixo pola que imos lanzando ao mundo en recursos- para un labor máis constante de reflexión sobre o terriblemente absurdo que é que a estas alturas teñamos que enchufar o móbil á corrente ou botar gasóleo no coche. A cousa é máis simple do que parece: ao noso arredor ferven as alternativas a todo iso, só hai que saber atopalas e procurar dunha vez por todas dar o chimpo á competitividade. Na nosa pescuda de hoxe pola Rede ao asexo de opcións enerxéticas vimos de atopar unha proposta que non é nova no seu miolo pero si no seu plantexamento: o emprego dos movementos corporais para achegar enerxía aos trebellos tecnolóxicos que temos ao noso arredor. As posibilidades desta proposta, que vén da man do Georgia Institute of Technology, son limitadas pero amplas dentro do seu reducido eido. Ou sexa, que como era de agardar o aproveitamento dos nosos xestos e acenos como fonte de electricidade non abondará para acadar o prendido do motor dun coche, pero si que pode ser empregado en pequenas accións cotiás como a recarga da batería dun móbil ou dun reprodutor de mp3.
Os responsables desta iniciativa, detallada polo miúdo en Soitu, son os membros dun equipo liderado por Zhong Lin Wang, profesor do Regent’’s Georgia Tech na Escola de Ciencia dos Materiais e Enxeñería do dito instituto, e entre os seus logros atópase o ter aproveitado o movemento dun dedo ao teclear un número sobre o móbil para achegar carga eléctrica.
O seu estudio, asemade, amosa un amplo potencial para outras accións ou reaccións do noso corpo, como por exemplo o vibrar das cordas vogais, abondo potentes como para ser o pulo dun nanoxerador de electricidade. O mesmo podemos dicir do latexar do noso corazón nos vasos sanguíneos. O funcionamento do sistema que están a desenvolver os investigadores baséase en definitiva na implantación de mecanismos no noso corpo que sexan como miúdas turbinas de enerxía ou, mellor aínda, como adaptacións á anatomía humana dos sistemas de aproveitamento de forzas despregadas pola natureza que achega un muíño de auga. O que é de verdade innovador deste estudo non é esta busca de novos recursos no máis inmediato do que nos rodea (isto xa se viña facendo a través de determinados reloxos que se recargan cos nosos movementos) senón a mediación da nanotecnoloxía: a posibilidade de levar a cabo estas cousas de xeito miúdo, xerando pequenas correntes que fagan operar dispositivos eléctricos de reducido tamaño.

PUBLICIDADE