JBL prepara un enorme altofalante portátil

venres, 18 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A primeiros de setembro celébrase a feira de electrónica de consumo IFA en Berlín, e algunhas compañías xa comezaron a adiantar os produtos que van presentar alí, como os novos altofalantes portátiles de JBL, que sairán á venda no outono e sorprenden polo seu impresionante tamaño (preto de 50 centímetros de lonxitude) e peso (5,25 quilos), aínda que para moitos compénsao cunha batería de 20.000 mAh que achégalle unha autonomía de até 24 horas e incluso permitiría o seu uso como cargador doutros dispositivos.
O JBL Boombox é resistente á auga (IPX7), polo que sería ideal para o seu uso en exteriores (contando con modos de reprodución tamén para interiores), a súa conexión Bluetooth é compatible coa opción Connect+ de JBL (de xeito que incluso pode emparellarse con outros altofalantes da marca para ofrecer unha experiencia sonora conxunta) e polo momento sabemos que o seu prezo en Reino Unido será de 399,99 libras (439 euros).
Este produto podería considerarse como herdeiro dos enormes radiocasetes cos que algunha xente cargaba nos anos 80, por exemplo, para gozar de música na praia, e que respondían ao nome informal de loros en alusión ao feito de que en moitas ocasións se cargaban sobre o ombro (como na ficción fan os piratas cos seus papagaios).

O JBL Boombox é un produto ideal para ambientar musicalmente exteriores

PUBLICIDADE