JBL presenta auriculares USB-C con cancelación de ruído

mércores, 13 de abril do 2016 Marcus Fernández

Coa presentación do HTC 10 chegou un novo accesorio á súa páxina web norteamericana, os auriculares JBL Reflect Aware C, que presume de ser os primeiros auriculares deportivos con cancelación de ruído e control de ruído adaptable que funciona por USB-C, de xeito que permiten a práctica deportiva illándose do ruído do contorno mentres escoitamos a nosa música favorita sen precisar de baterías adicionais para alimentar a cancelación de ruído activa.
Estes auriculares permiten axustar os niveis de ruído, son resistentes á suor, os seus cables evitan o seu enredo, o deseño é moi ergonómico e integran micrófono para poder empregalos a xeito de mans libres.
Pero saber destes auriculares pode levarnos a comprobar que na páxina do fabricante tamén están presentes os auriculares JBL Reflect Aware, que chaman poderosamente a atención por funcionar cun conector Lightning, de xeito que serían equivalentes aos outros auriculares mencionados, pero para dispositivos de Apple, reforzando a idea de que o vindeiro iPhone podería prescindir do conector estándar de auriculares para apostar por auriculares Lightning (e sen fíos), o que permitiría adelgazar aínda máis o dispositivo.

PUBLICIDADE