Jedi Power Battles volverá a 25 anos do seu lanzamento

venres, 11 de outubro do 2024 Marcus Fernández

O Episodio I de Star Wars chegou aos cines acompañado de varios videoxogos, como Jedi Power Battles, título lanzado orixinalmente en PlayStation, para chegar logo a Dreamcast e Game Boy Advance, polo que actualmente é pouco accesible, de aí que decidisen o seu relanzamento por parte de Aspyr Media, compañía que celebrará o 25º aniversario de Star Wars Episode I: Jedi Power Battles con versións do xogo para Xbox, PlayStation e PC.
Concretamente o xogo chegará o 23 de xaneiro a PlayStation 4, PlayStation 5, Xbox One, Xbox Series X|S, PC e Nintendo Switch, estando xa aberta a reserva para todas as plataformas agás a de Nintendo (que abrirase en breve).
Non estamos ante un remake, senón ante un título fiel ao orixinal, que parte do código fonte da versión de Dreamcast, á que se lle incorporaron algunhas melloras na xogabilidade, pero buscando que se manteña a esencia do orixinal.
Este xogo de espadas de luz permite encarnar a personaxes como Mace Windu, Obi-Wan Kenobi, Qui-Gon Jinn, Darth Maul, a raíña Amidala e moitos outros, desbloqueables dende o inicio, aproveitándose a revisión para incluír algún personaxe adicional (como un morador das areas) para maior goce dos seareiros da saga galáctica de George Lucas, que poderán loitar en distintos escnearios nos planetas Tatooine, Naboo e Coruscant.

Vídeo no que se anuncia o lanzamento das novas versións de Jedi Power Battles