Jelly, o smartphone 4G cunha pantalla de só 2,45 polgadas

mércores, 3 de maio do 2017 Marcus Fernández

Nun momento no que os smartphones tenden ás 5,5 polgadas de pantalla un proxecto de micromecenado sorprende en Kickstarter por ir na dirección contraria, xa que propón a fabricación do smartphone 4G máis pequeno do mercado. O terminal, chamado Jelly, funcionaría con Android 7.0 pese ao seu tamaño reducido, o que convenceu a numerosos mecenas de xeito que xa está garantido o seu financiamento dende as primeiras horas de lanzamento da campaña de captación de fondos.
O Jelly debería comezar a remitirse aos mecenas a partires do mes de agosto, e tería un prezo de partida de 79 dólares (73 euros) para o modelo básico (con 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno) e 95 dólares (87 euros) para o modelo Pro (con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno), cantidades que parecen o suficientemente axustadas como para que moitos usuarios se interesen por un produto que sería transportable como un teléfono móbil básico, pero que permitiría manter a comunicación a través de servizos como WhatsApp, de xeito que atendería as demandas de numerosos usuarios que non pasan moito tempo mirando para a pantalla do teléfono.
Este cativo smartphone tería unha pantalla táctil de 2,45 polgadas (cunha resolución de 432 x 240 píxeles), funcionaría cun procesador de catro núcleos a 1,1 GHz, lector de tarxetas microSD de até 32 GB, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, GPS, dobre nano SIM e batería de 950 mAh (que promete até 3 días de uso e até 7 días en espera).
As dimensións deste teléfono serían de só 92,3 x 43 x 13,3 milímetros, o que fai que incluso poida meterse en moitos dos petos pequenos do pantalón vaqueiro, e grazas a que tamén conta con Bluetooth 4.0 pode resultar tamén bastante cómodo para levalo nunha cinta pendurado do brazo mentres se fai exercicio (para estar comunicado, pero tamén para empregalo como reprodutor multimedia sen fíos).
Dado que a compañía detrás deste proxecto xa ten experiencia fabricando móbiles non se espera que esta campaña veña acompañada de desagradables sorpresas, e en poucos meses confíanse en que o Jelly sexa unha realidade, recuperando a senda da redución de tamaño que tiñan os teléfonos móbiles antes da revolución dos smartphones.

Vídeo no que podemos ver como será o smartphone Jelly

PUBLICIDADE