Jetpack Joyride terá secuela

mércores, 3 de agosto do 2022 Marcus Fernández

O xogo Jetpack Joyride de Halfbrick Studios converteuse en todo un fenómeno en 2011, cando conseguiu colocarse como líder en vendas na App Store grazas á súa mecánica sinxela, a súa estética e un deseño de niveis que facía que os seus retos fosen divertidos de superar, enganchando a millóns de xogadores de todo o mundo, e agora sorprenden anunciando que o 19 de agosto estrearase na App Store Jetpack Joyride 2, aínda que co detalle de que non poderá mercarse, xa que só estará dispoñible para os subscritores de Apple Arcade.
Jetpack Joyride 2 achegará novo equipamento e arsenal co que loitar contra novos inimigos para abrirse camiño polos laboratorios parando os pés aos científicos e os seus experimentos antes de que sexa tarde. O xogo presenta novos gráficos e animacións en alta definición, e aínda que mantén as mecánicas orixinais, contará con novos xeitos de xogar, revitalizando todo un clásico para dispositivos móbiles.
Que este xogo remate no servizo Apple Arcade foi todo unha sorpresa, xa que hai uns meses estivo en probas nalgúns mercados tanto para iOS como para Android, polo que é probable que a longo prazo vexa a luz fóra do servizo de subscrición cunha lixeira modificación no seu nome e adaptando a xogabilidade para un modelo free-to-play.

PUBLICIDADE