José García Montalvo falará na Coruña sobre a Intelixencia Artificial e o seu poder para combater as fake news
luns, 3 de febreiro do 2020
José
García Montalvo, catedrático de Economía Aplicada e doutor pola
Universidade de Harvard, amais de conselleiro de Abanca, abrirá o
primeiro Foro IESIDE de Sociedade e Economía este martes 4 de
febreiro. García Montalvo, condecorado en 2029 co Premio Rei Jaume I
de Economía, falará na sede de Afundación da Coruña dos
principais retos aos que se enfrontan as empresas e os emprendedores
en materia de coñecemento dixital, agora que este se duplica cada
pouco e agora que as canles de información chegan a practicamente
todos os recantos do mundo.
O
seu relatorio desenvolverase a partir das 19.30 horas baixo o
seguinte epígrafe: Big Data e economía: promesas,
perigos, decepcións e fake news. A entrada é libre e de
balde, até completar capacidade (previa inscrición). A conferencia,
que se vai poder seguir en streaming, dará paso a un coloquio
moderado por Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia.
O
conferenciante, amais do Big Data e das súas vantaxes e
inconvenientes, avaliará o papel que a Intelixencia Artificial pode
chegar contra as novas falsas nas redes e a polarización polo uso
das redes sociais. Tamén porá o foco na relevancia dos sistemas
intelixentes e da información a gran escala como “instrumentos ao
servizo da creatividade humana”.
A
seguinte cita será o 5 de marzo co director xeral de Funcas, Carlos
Ocaña, economista e doutor pola Universidade de Northwestern, quen
abordará a Conxuntura e perspectivas a curto e medio prazo da
economía española no contexto da economía europea. O foro
continuará no mes de abril con Pedro Antonio Merino García,
director de estudos de Repsol YPF, quen impartirá a conferencia
Escenarios enerxéticos: diferenza entre o crecemento tendencial e
os compromisos de París. Será o xoves 30 ás 19.30 h na Sede
Afundación de Vigo. O ciclo continuará o 21 de maio coa conferencia
Galicia ante unha Europa policéntrica: análise da súa
accesibilidade e competitividade, impartida polo catedrático de
Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González
Laxe.