José González e Zeltia Lado presentan EMi ás empresas galegas de traballo temporal
mércores, 4 de decembro do 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo este 4 de decembro unha reunión coas empresas de traballo temporal máis representativas de Galicia para presentar a ferramenta EMi, que está dispoñíbel nas 54 oficinas de emprego galegas e casa oferta e demanda laboral co apoio da Intelixencia Artificial.
González defendeu a necesidade “da colaboración público-privada para seguir avanzando” e “converter o Servizo Público de Emprego no gran nodo de empregabilidade de Galicia”.
O obxectivo deste encontro, subliñou, é que “estas empresas coñezan as potencialidades de EMi, un software pioneiro, recoñecido pola Comisión Europea no marco dos Premios aos mellores casos do Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público”. Sinaloiu que EMi é de grande utilidade para as empresas e as persoas traballadoras “pois contribúe a atender a demanda de man de obra e, de xeito paralelo, favorece a competitividade do tecido empresarial e a xeración de emprego de calidade”. De feito, con esta ferramenta, Galicia prevé realizar o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano.
José González salientou o papel das empresas de traballo temporal na selección de talento segundo as realidades dos distintos sectores, “de aí a importancia de avanzar con todos os axentes implicados para potenciar a eficacia das políticas activas de emprego, unha cuestión, subliñou, na que é necesaria a colaboración do Goberno central”.
Esta xuntanza súmase á realizada en xullo co Executivo estatal e á de outubro con responsábeis de formación para o emprego de distintas comunidades autónomas, así como á celebrada recentemente en Madrid con distintos representantes autonómicos desa comunidade e de distintos sectores para darlle a coñecer as potencialidades de EMi. “Trátase de encontros”, salientou o conselleiro, “que se enmarcan na vontade de Galicia de difundir as boas prácticas e accións que desenvolve o Goberno galego para potenciar a empregabilidade da cidadanía e a competitividade do tecido produtivo da comunidade”.
Nesta liña, a Xunta seguirá dando pulo ao software EMi no 2025 desenvolvendo novas medidas cun investimento de 1 millón de euros, entre elas unha aplicación móbil para que as persoas poidan autoavaliar as súas competencias profesionais. Ademais, dixo, avanzarase nas obras de mellora na rede de oficinas de emprego cun investimento de 1,6 millóns de euros o ano que vén e reforzarase o programa de seguimento intensivo da demanda de emprego para garantir que nas listas figuren exclusivamente as persoas que realmente queren traballar, a través dun acordo de actividade que se introducirá nos vindeiros días.