Kairos propón facer smart as correas dos reloxos de pulso

mércores, 31 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Mentres a meirande parte das propostas de smartwatch centrábanse na esfera do reloxo de pulso, un proxecto de micromecenado en Indiegogo quixo innovar optando por integrar a tecnoloxía na propia correa, conseguindo así superar amplamente a cantidade que perseguía para facer viable o seu produto que vería a luz entre os meses de abril e xuño, o Kairos T-band Smartwatch.
Con esta tecnoloxía poderiamos levar o noso reloxo favorito, e integrar a tecnoloxía que permítalle a comunicación co noso smartphone na correa, para poder así recibir notificacións, controlar a reprodución musical, medir a nosa actividade física... o propio dun smartwatch, pero evitando que o usuario teña que “levar un reloxo da mesma marca que fai neveiras”.
A T-band de Kairos chega en tres modelos distintos, que parten da T-band ND (modelo sen pantalla que limítanse a funcionar como pulseira cuantificadora de actividade con notificacións a través de vibración e un LED multi-cor), pasan pola discreta T-band HD (que ten un panel LED integrado que só amosaría información básica cando se acende), e chegan até a completa T-band OD (cunha pantalla OLED curva de 11 x 25 milímetros e unha resolución de 170 puntos por polgada que ofrecería funcións avanzadas e incluso contaría con micrófono para o recoñecemento de voz). Segundo estes accesorios van incrementando prestacións van perdendo autonomía, de xeito que o modelo básico aguantaría até 7 días cunha carga, e o modelo con pantalla LED aguantaría 2-3 días, mentres que o máis avanzado, pese a non detallarse a súa autonomía, posiblemente teña que recargarse a diario.
O fabricante tamén ofrece a posibilidade de mercar estas correas conectadas cun reloxo mecánico analóxico da familia Kairos MSW 115 e MSW 158, que casan moi ben coas distintas T-band. A estrutura de prezos tamén é bastante ampla, e a T-band ND pode encargarse por 149 dólares (139 euros cos portes incluídos), a T-band HD pode adquirirse por 159 dólares (147 euros con portes incluídos) e a T-band OP ten un prezo de 199 dólares (180 euros con portes incluídos), mentres que os reloxos mecánicos parten dos 399 dólares e as combinacións de reloxo e T-band poden chegar até os 1.148 dólares.

A T-band de Kairos venderase en 3 modelos distintos


Vídeo promocional da T-band de Kairos

PUBLICIDADE