Kill Strain chega para usuarios de PlayStation Plus

martes, 12 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A partires de hoxe mesmo os xogadores de PlayStation 4 que estean subscritos a PlayStation Plus poderán descargar de balde o novo xogo de disparos multi-xogador asimétrico de San Diego Studio, Kill Strain, que poderán descargar o resto de xogadores de PS4 a partires do 19 de xullo.
Neste xogo propónsenos traballar para os servizos de seguridade de Chromacode nunha instalación situada no Ártico, onde haberá que asegurar distintas posicións ante os ataques da Cepa e completar tarefas como: asegurar a perforadora e reparar a súa colleitadora; cando a carga estea completa nos contedores ARCC haberá que entregalalos na estación de procesamento e asegurar o lugar; e tamén haberá que entregar á estación todos os contedores que se poida.
No xogo non só haberá que asegurar rexións ante a ameaza mutante da Cepa, senón que tamén haberá outros grupos de mercenarios que traballan para outras empresas, e que tamén competirán polos recursos da zona.
Tamén iremos conseguindo bonificacións segundo cumpramos obxectivos, para así poder ir mellorando os nosos personaxes para que sexan máis efectivos no campo de batalla.
Aínda que Kill Strain conta cun modo para 1 xogador, está orientado ao xogo en liña, permitindo partidas de até 10 xogadores simultáneos.

Tráiler de lanzamento de Kill Strain

PUBLICIDADE