Kinect pode empregarse para simular pantallas táctiles a distancia

mércores, 6 de marzo do 2013 Marcus Fernández

O sensor Kinect que facilita que poidamos gozar de xogos de baile na Xbox 360 agocha moito potencial, especialmente explotable se conectamos o dispositivo a un ordenador con Windows, o que dende Microsoft queren aproveitar para avanzar na creación de novas interfaces de usuario naturais tal e como demostran nun vídeo que veñen de publicar no que podemos comprobar as posibilidades que abre Kinect con só adestrar ao sistema para diferenciar as mans pechadas das abertas.
Se cando pechamos o puño diante de Kinect o sistema interprétao como premer sobre a pantalla, temos unha especie de simulación de pantalla multi-táctil a distancia, que serve para funcións como debuxar, moverse por mapas ou controlar a interface de usuario do sistema operativo dun xeito bastante máis áxil a como funciona Kinect habitualmente.
Queda agora por ver se estas posibilidades que demostran con Windows 8 poderán verse na futura consola doméstica de Microsoft que sucederá á actual Xbox 360, e que comentan que podería incluír de serie unha versión mellorada de Kinect.


Demostración da detección de mans abertas ou pechadas con Kinect

PUBLICIDADE