Kobo Glo HD, o novo lector de libros electrónicos que consegue facer fronte ao Kindle

mércores, 8 de abril do 2015 Marcus Fernández

Antes da chegada do lector de libros electrónicos Kindle Voyage de Amazon ao mercado español, que destaca por incorporar unha pantalla de papel electrónico cunha resolución de 300 puntos por polgadas, podería ver como chega un serio competidor, o Kobo Glo HD, dispositivo que presenta a mesma resolución de pantalla, pero que podería gañarlle o pulso por ter un prezo máis agresivo, xa que mentres o Kindle Voyage custa 199/219 dólares nos EE.UU., o novo dispositivo de Kobo venderase a partires do 1 de maio por 129,99 dólares. En España teremos que agardar ao 1 de xuño para poder adquirir este dispositivo a un prezo de 129,99 euros, chegando así a tempo para o verán, época na que os lectores de libros electrónicos gañan importancia, xa que convértense en grandes compañeiros durante as vacacións estivais, por facilitar o transporte de numerosos libros e permitir incluso a lectura en exteriores.
O Kobo Glo HD ten unha pantalla de 6 polgadas cunha resolución de 1.448 x 1.072 píxeles que consegue un nivel de detalle moi semellante ao dun libro impreso, integra iluminación ComfortLight para facilitar a súa lectura sen ter que empregar lámpadas que poidan molestar a outras persoas pola noite, funciona cun procesador a 1 GHz para que o paso de páxinas non se eternice e a súa batería podería permitir o uso do dispositivo durante un par de meses cunha única carga (baseándose nun uso de 30 minutos ao día). Este eReader integra 4 GB de almacenamento interno, mide 157 x 115 x 9,2 milímetros e pesa 180 gramos.


Presentación do Kobo Glo HD

PUBLICIDADE