Kobo estrea un eReader con pantalla de 8" e resistencia á auga

martes, 23 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O ano pasado Amazon sorprendeu renovando o seu lector de libros electrónicos de alta gama, o Kindle Oasis, incorporándolle resistencia á auga e incrementando o seu tamaño de pantalla de 6 a 7 polgadas, que pode parecer un salto cativo, pero realmente supón un incremento da súa área superior ao 30%, o que permite dende o uso de tipografías máis grandes até a introdución de máis texto por páxina, reducindo así os pasos de páxina durante a lectura.
Como hai usuarios que non gustan de atarse a Amazon á hora de consumir libros, hai fabricantes que conseguen manterse no mercado como Kobo, que tiña dende hai tempo lectores resistentes á auga como o Kobo Aura ONE, cunha pantalla de 7,8 polgadas, que semella a base para o Kobo Forma, un lector de libros electrónicos máis grande e lixeiro, que persegue unha cómoda lectura tanto en vertical como en horizontal.
O Kobo Forma ten unha pantalla de 8 polgadas cunha resolución de 300 puntos por polgada (ou sexa, cunha resolución de 1.920 x 1.440 píxeles), 8 GB de almacenamento, compatibilidade con 14 formatos de arquivo, Wi-Fi N, iluminación frontal con temperatura de cor axustable, batería de 1.200 mAh, resistencia á auga IPX8 (de xeito que aguantaría até 60 minutos a 2 metros de profundidade), un peso de só 197 gramos e un grosor de 4,2 milímetros na súa parte fina e 7,5 milímetros na zona de agarre, sendo este último elemento o que máis lembra ao Kindle Oasis, co que non teñen medo a competir incluso cun prezo máis elevado, xa que o Kobo Forma véndese a 279,90 euros, pero tamén presenta un tamaño de pantalla maior, que pode convencer a moitos lectores intensivos que si amorticen o que custan estes eReaders de alta gama.

Vídeo promocional do Kobo Forma

PUBLICIDADE