Kobo presenta un lector de libros electrónicos que pode facer de caderno
mércores, 5 de abril do 2023
O
pasado outono Amazon
puxo á venda o Kindle Scribe como unha alternativa ao reMarkable 2, ou
sexa, que quixeron subir ao carro dos lectores de libros electrónicos que tamén
poden realizar funcións de caderno de notas, ao que vén de reaccionar Kobo co
seu dispositivo Elipsa
2E, un lector de libros electrónicos con pantalla táctil Carta E Ink 1200
de 10,3 polgadas cunha resolución de 227 puntos por polgada e 32 GB de almacenamento,
que empregando o Kobo Stylus 2 permite anotar directamente libros electrónicos
e documentos PDF, asà como tamén crear a organizar cadernos de notas que poden
exportarse a servizos na nube.
Este novo trebello de Kobo pode converter as notas manuscritas en texto
mecanografado, polo que pode resultar moi práctico para tomar apuntamentos e
logo poder empregalos como documentación de referencia (xa que é posible
realizar buscas nos textos escritos a man).
Este lector, que conta con conectividade Wi-Fi, Bluetooth e USB-C, soporta
numerosos formatos de ficheiro (dende EPUB até PDF, pasando por CBR), ten
iluminación frontal con axuste automático de brillo e de temperatura de cor (facendo
a lectura máis confortable con pouca luz), e está dispoñible en bastantes
idiomas entre os que non faltan o español, o portugués e o catalán (aÃnda que
por desgraza carece de galego, lingua que si soporta o reMarkable 2).
O novo trebello de Kobo sairá á venda o 19 de abril e o seu prezo será de
399,99 euros (coincidindo co Kindle Scribe na súa configuración equivalente).