Kodak presenta o seu marco de fotos dixitais con tecnoloxías OLED e Wi-Fi

mércores, 17 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía dixital nunca deixa de sorprender. Innovacións e proxectos sucédense a un ritmo de vertixe e o que semella máis útil e vantaxoso fica no camiño, perpetuándose o que nun principio nos parece máis absurdo. Non podemos enganar a ninguén: durante un tempo foi ben complicado ver con bos ollos aos marcos dixitais, e non nos referimos ás imaxes en concreto reproducidas senón ao obxeto en si. En certa maneira, tiñan un aquel de sobre esforzo tecnolóxico, na liña do abdominazer ou do limpa cristais polas dúas caras. Con todo e grazas en boa medida a melloras na súa presentación, non só se seguen a fabricar senón que son obxecto de especial coidado por parte de multinacionais e da innovación tecnolóxica mesma. Como por exemplo a da casa Kodak, que está a presentar estes días o primeiro marco sen fíos do mercado que emprega sistemas OLED (Organic Light Emitting Diode ou Diodos Orgánicos de Emisión de Luz) co fin de achegar as mellores condicións de calidade nas fotografías.
O marco en cuestión, que se pode ver xa no stand da multinacional da imaxe na feira Photokina, tira partido da devandita tecnoloxía de Kodak para subministrar a través dunha pantalla de 7,6 polgadas maior fondura e saturación da cor e “un asombroso nivel de detalle dende calquera ángulo de visión”, subliña Kodak.
O aparello inclúe tecnoloxía Wi-Fi, o que completa as súas vantaxes e lles permite aos usuarios desenvolver a distancia o que antes, cos marcos tradicionais, levaba moito máis tempo e esforzo. Dito doutro xeito: co sistema sen fíos é posible acceder ás fotografías, vídeos e música que estean almacenados nos computadores (estean no recanto que estean do fogar), amais de permitir a conexión a distancia a diferentes portais de subministro de imaxes e vídeos, ou o acceso a xestores de contidos en liña que acheguen novas, información meteorolóxica ou deportes. Asemade, cómpre sinalar que a memoria interna do marco é de 2 xigabytes, o que o capacita para albergar arredor de 10.000 fotografías de calidade. O prezo do produto no mercado será duns 1.000 dólares.

PUBLICIDADE