Kudrone, un pequeno dron con cámara 4K que arrasa en Indiegogo

luns, 20 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O Kudrone mide só 174 x 174 x 43 milímetros e pesa 85 gramos

Unha nova campaña de micromecenado está a conseguir unha resposta masiva, de xeito que en poucos días xa multiplica por 8 a súa meta de financiamento, xa que ofrecen a posibilidade de facerse cun Kudrone a un prezo reducido.
O Kudrone descríbese como un nano-dron potente e barato, que sería capaz de gravar vídeo en 4K ou Full HD, disparar fotografías de 3.280 x 2.464 píxeles, contar con función de seguimento con GPS, ter baterías intercambiables, ser capaz de posicionarse con precisión... e todo nun corpo de 3,7 polgadas, ou sexa, que podería sosterse na palma da man.
Ao estar equipado con GPS, sensores de visión intelixente, acelerómetro/xiroscopio de 3 eixes, compás magnético e barómetro sería capaz de manter a estabilidade en cada disparo. Podería controlarse de xeito doado a través de aplicacións móbiles para iOS e Android (dende a que veríase a imaxe captada polo dron a 720p cun retardo de só 160 milisegundos), incluiría un par de baterías de 650 mAh para poder gozar de voos de até 8 minutos e incluso entregaríase cunha tarxetas microSD de 16 GB e iniciaría o seu envío aos mecenas no mes de xullo.
Pero o máis rechamante é que o prezo polo que pode adquirirse agora o Kudrone en Indiegogo é de 109 dólares (125 euros cos gastos de envío incluídos), prezo extraordinariamente baixo para un produto que deberiamos ver con certa desconfianza, xa que non estamos ante unha campaña de Kickstarter, nas que habitualmente hai prototipos funcionais do produto final, de xeito que as imaxes e vídeos cos que promocionan o Kudrone son claramente simulacións que poden afastarse moito do resultado final, á vez que é moi probable que os prazos de entrega tampouco cheguen a cumprirse.

Vídeo promocional da campaña de micromecenado do Kudrone

PUBLICIDADE