LG Philips presenta unha pantalla LCD multi-táctil de 52 polgadas

mércores, 2 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Dende LG Philips remataron o ano presentando unha nova familia de pantallas LCD con tecnoloxía multi-táctil destinadas ó uso público e que van dende as 52 ata ás 84 polgadas. As novas pantallas poderanse ver a vindeira semana durante a feira CES de Las Vegas, e achegarán ó público un nivel de interacción descoñecido ata o momento.
O monitor LCD de 52 polgadas sería a pantalla multi-táctil máis grande do mundo, mentres que a versión de 84 polgadas combinará 4 pantallas de 42 polgadas. A incorporación da tecnoloxía multi-táctil non vai en detrimento de prestacións, e a pantalla de 52 polgadas ten unha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, ou sexa, que é Full HD.
Os novos monitores de LG Philips teñen un sensor de imaxe de infravermellos que permite recoñecer o toque en varios puntos, o que facilita a manipulación da información en pantalla coma se fai no iPhone de Apple.

PUBLICIDADE