LG adía o lanzamento do LG Watch Urbane con 4G por detectar fallos no produto

venres, 20 de novembro do 2015 Marcus Fernández

A semana pasada presentouse a segunda versión do smartwatch LG Watch Urbane, que estaba chamado a converterse no dispositivo deste tipo máis rechamante do mercado, por ser o primeiro reloxo con Android Wear que conta con conectividade 4G de seu, de xeito que podería funcionar de xeito independente ao smartphone, o que pode resultar especialmente atractivo para os usuarios que, por exemplo, non queren cargar co teléfono cando practican deporte, pero tampouco queren perder durante eses momentos as comunicacións importantes. Pero este produto que tiña que estar a chegar aos estantes de tendas norteamericanas e de Corea do Sur, pero finalmente LG decidiu cancelar o lanzamento, xa que a última hora detectaron un fallo de hardware que afecta á funcionalidade diaria do trebello, polo que preferiron adiar a comercialización do produto antes de arriscarse a decepcionar aos consumidores.
Que a decisión de LG fose tan drástica dá a entender que o erro detectado é de hardware, de xeito que non podería arranxarse mediante unha actualización de software tras o lanzamento.
Dende LG aseguran que o produto si van chegar ao mercado, pero aínda non poden adiantar unha data, xa que a súa prioridade actual é garantir que a calidade do smartwatch é o suficiente como para que poida comercializarse sen incidencias nos primeiros días.

PUBLICIDADE